Remata Utopía Noroeste mostrando as posibilidades das novas ferramentas para saírmos fortalecidos da crise

luns, 23 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

Manuel Meijide, Jaime García Cantero e Juan Rivas

O Congreso Utopía Noroeste, unha cita tecnolóxica para dirixir os focos aos proxectos tecnolóxicos que máis nos poden axudar a superar as consecuencias da pandemia, chegou finalmente este sábado ao remate da súa primeira edición, e fíxoo cunha cunha xornada de charlas e reflexións no Pazo de Vilamarín de Ourense. Na cita final foron protagonistas as posibilidades do estándar móbil 5G, as Cidades Intelixentes ou os retos emprendedores.
A primeira convocatoria do congreso chegou ao seu punto e final deixando intensas xornadas de debate, convertidas nun espazo de intercambio de ideas e propostas centrado nas posibilidades de Galicia dentro do novo marco económico que se abre a partir das innovacións tecnolóxicas e os cambios que trouxo a crise da COVID-19.
O congreso, sinalou a organización, “achegou interesantes reflexións sobre os desafíos éticos e políticos que expoñen todos os cambios que vivimos os últimos meses e como poden combinarse todos eles nun gran reseteo da sociedade, exposto desde unhas bases sustentábeis”.
Luis Álvarez Sestelo, presidente da asociación galega de empresas tecnolóxicas Ineo abordou as posibilidades que se abren coa aplicación real da tecnoloxía 5G, destacando un concepto base: as vantaxes de compartir. Segundo fixo saber, compartir datos ou información é o alicerce básico que levará ao crecemento. Sestelo explicou a evolución desde a primeira xeración de telefonía móbil até a chegada ao 5G e como puido darse cada avance, para concluír que “chegamos agora ao 5G usando recursos diferentes aos de anteriores xeracións”. Segundo engadiu na súa presentación, neste momento o stres aspectos nos que se traballa son lograr un maior largo de banda, conseguir “unhas comunicacións ultraconfiábeis e de baixa latencia” e que se permita gran conectividade entre dispositivos. “Con todo isto”, afirmou, “os mercados que xa naceran poderán evolucionar dunha maneira notábel”.

Manuel Meijide na súa intervención

A xestión integral a través da visualización avanzada foi obxecto de análise por parte de Manuel Meijide, experto en Smart Cities e Industria 4.0, quen desenvolveu na súa intervención o concepto do “xemelgo dixital” e concretou que non só o ámbito 4.0, senón tamén as Cidades Intelixentes van contar coa aplicación deste concepto, que se basea en integrar información e “tamén curala fronte á infoxicación”. Ou sexa, dixo, trátase de “facilitar a todas e todos (cidadanía, empresas, institucións) o acceso á gran cantidade de información que se xera, pero xa organizada para que resulte útil”. Nas súas palabras, un xemelgo dixital “é unha réplica dixital dunha entidade física (empresa, institución...)”, unha réplica de activos físicos, procesos, persoas, lugares, sistemas e dispositivos reais e potenciais, que se poden utilizar para diversos fins. “A nova realidade que se xera terá que contarse de tantas maneiras como públicos necesiten un discurso”, dixo.
Esta primeira edición finalizou coas reflexións sobre emprendemento de Carlos Blanco, emprendedor e investidor no sector das novas tecnoloxías, que detallou na súa charla os principais erros que adoitan cometer os emprendedores, como a elección de socios, o momento para emprender, a organización do equipo e a importancia de valorar a mercadotecnia desde o principio, “todos eles aspectos clave para levar a bo termo un negocio”. Sobre a localización indicou que desde lugares que non sexan Madrid ou Barcelona sempre será algo máis complicado atopar talento e financiamento “pero os emprendedores non deben dubidar en buscalo noutros puntos, para crear equipos con visión global e poder optar a máis posibilidades de investimento”.
Tamén se referiu aos sectores mellor situados neste momento, entre os que destacou o da saúde (software médico e healthcare), a educación, e os relacionados con loxística e comercio electrónico.

Edo Sadikovic, Juan Rivas, Jaime García Cantero e María Rodríguez

A xornada final do congreso, co-financiado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, arrincou cunha charla sobre moda e adaptación aos cambios, co testemuño de Amalia Formoso, responsábel da firma de moda Zurita, quen desde China explicou como a súa empresa se adaptou ás novas tecnoloxías e apostou pola moda sustentábel. Formoso mostrou como en Zurita optaron por darlle a volta ao concepto de fast fashion, creando o sistema FashioNEST, mediante o que fabrican pequenas coleccións mensuais e miden as reaccións da clientela, ofrecendo diferentes alternativas de prezos e prazos de entrega. Así reducen os stocks e os prazos en todos os procesos, “conseguindo un sistema moito máis eficaz e sustentábel”, dixo.
A vicerreitora da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, reflexionou na mesa sobre as carreiras de futuro e a brecha de xénero nas denominadas STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) e como animar ás mozas a incorporarse nestas disciplinas a través do programa InspiraSTEAM de mentoras e charlas en colexios, que desenvolve a Universidade de Vigo.
O territorio foi protagonista na presentación de María Rodríguez e Edo Sadikovic. Ambos explicaron o seu proxecto Sende, e como Senderiz, unha aldea de 20 habitantes no Xurés, converteuse nun destino de referencia internacional, un espazo para traballar e vivir, por onde pasaron nestes anos máis de 3.000 persoas que buscan un espazo diferente. Amais, anunciaron que en 2021 abrirán un novo espazo de coliving e coworking en Setúbal, Portugal, cunha filosofía similar á de Sende.
Como peche do programa matinal do congreso, Fernando Suárez, presidente do CPEIG e do CCII, explicou con detalle “o plan para converter a Ourense en provincia intelixente, aproveitando ao máximo todos os recursos do territorio”. Suarez sinalou que se busca lograr que a provincia “sexa un destino de investimento atractivo para as empresas que chegan pero tamén para as de aquí, cun plan baseado nos recursos propios, no valor do territorio e a capacidade de innovación”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na xornada de clausura do congreso, que definiu como “un punto de encontro para reflexionar sobre os desafíos éticos e políticos que expoñen os cambios que vive a sociedade como consecuencia da crise da COVID”.

PUBLICIDADE