Remata con éxito a II edición do roteiro Educa Audiovisual impulsado pola Xunta e AGAPI
mércores, 19 de xuño do 2024
Por segundo ano, a Xunta de Galicia desenvolveu coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o roteiro Educa Audiovisual polos Institutos de Educación Secundaria das nosas catro provincias. Unha iniciativa que busca achegar ao alumnado pezas do audiovisual galego e en galego de diferentes temáticas acompañadas dun coloquio posterior a cargo dalgún profesional do sector.
Así, os IES participantes este ano foron un total de dezaseis. Na provincia da Coruña: IES Xelmírez (Santiago), IES de Curtis (Curtis), IES Salvador de Madariaga e IES de Monelos (A Coruña), IES de Miraflores (Oleiros), IES Virxe do Mar (Noia) e o Ciclo Medio Saturnino Montojo (Ferrol). Na provincia de Lugo: IES Ánxel Fole (Lugo) e IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos). En Pontevedra: IES Valle Inclán e IES Frei Sarmiento (Pontevedra), IES Castelao (Vigo) e IES Francisco Asorey (Cambados). Finalmente, na provincia de Ourense participaron os seguintes centros: IES 12 de outubro (Ourense), IES Laboral (Ourense) e IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia).
En cada un dos centros, proxectáronse algunha das pezas propostas no catálogo Educa Audiovisual como: A dobraxe en galego. Un modelo de normalización (Recrea Films); Os camiños do neno labrego (Noveolas Producións); Crianza (Sétima); Aí vén o maio (Tamboura Films), Elas, produtoras audiovisuais (AGAPI) ou Por Vir (Zeitun Films).
Tras as visualizacións, o alumnado puido manter unha conversa con profesionais como: Chema Gagino, Simone Saibene, Gael Herrera, Silvia Fuentes ou Marta Eiriz. Da man das produtoras audiovisuais, os mozos e mozas galegos puideron coñecer as diferentes formas de produción e os detalles de como se desenvolve o traballo audiovisual.
Este roteiro que chegou a máis de 500 alumnos e alumnas, despertou grande interese nos centros de ensino. Cos seus resultados demostrou a importancia de achegar coñecemento profesional directo á mocidade, favorecendo a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico a través da aprendizaxe significativa.