Remata no Campus de Ferrol o 4ª Hackathon Navantia Next Pioneers con premio para Los p4tos fantásticos
venres, 14 de marzo do 2025
Rematou este venres 14 de marzo, no Campus Industrial de Ferrol, a cuarta edición do Hackathon Navantia Next Pioneers. O xurado seleccionou como gañador ao equipo Los P4tos Fantásticos, integrado por Mario Lourido Regueira, Sara Sui Soto Fuentes, María Luelmo Flores e Luca Tumminelli. O premio consiste nunha bolsa de formación en Navantia, dun ano de duración, para desenvolver o proxecto elixido.
Entregaron o galardón o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o director do estaleiro de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro; o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco; o director da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Jon Solozabal; e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz.
O certame desenvolveuse entre as 14.30 do xoves 13 e as 14.30 do venres 15 nas instalacións de Navantia, a EUDI e a EPEF.
Navantia propuxo como reto o deseño dunha solución innovadora para a mellora da limpeza dos talleres da área de aceiros, tendo como requisitos, entre outros aspectos, a utilización de novas tecnoloxías, a viabilidade do proxecto, o seu emprego en espazos de diferentes tamaños ou a súa compatibilidade co traballo diario nun entorno esixente.
Equipos multidisciplinares formados por alumnado dos graos e dos mestrados da EUDI e da EPEF, incluíndo o mestrado Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0, enfrontáronse durante 24 horas a este desafío. Tamén Navantia aportou un equipo con cinco enxeñeiros e enxeñeiras de recente incorporación. En total, 50 persoas que foron apoiadas por mentores e que, en momentos puntuais da xornada, recibiron charlas motivadoras para axudalos a progresar nos seus proxectos.
Todos os equipos completaron o reto e presentáronse, en total, dez solucións ao problema proposto. O xurado seleccionou como gañador ao equipo Los P4tos Fantásticos, integrado por estudantes do último curso do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e tamén do Mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica. O premio consiste nunha bolsa de formación en Navantia, dun ano de duración, para desenvolver o proxecto elixido.
En palabras da UDC, o evento “consolídase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento”. Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), ofrecen un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as SmartTech. Esa experimentación trasládase ás necesidades reais da fábrica e proxectos galardoados en edicións anteriores están na actualidade en fase de industrialización.