Remata o ciclo Girl STEAM 2025 cunha numerosa participación da rapazada

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

Daba comezo en xullo deste ano un novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos, estamos a falar do Girl STEAM 2025, unha proposta da que xa se deu conta en Código Cero e organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Este novo ciclo botaba a andar no mes de xullo nas aulas CeMIT de 14 concellos galegos. Cada lugar contou con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda. O peche final do Girl STEAM 2025 tiña lugar o venres, 5 de setembro en Guitiriz.
Nos obradoiros achegouse ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Ensinouse a identificar as súas principais funcións e programar con diferentes comandos. Traballouse en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que achega o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuouse o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Facendo balance desta iniciativa, foron case 300 rapazas e rapaces os protagonistas este verán dos obradoiros Girl STEAM 2025, cos que se foi á procura de impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do eido TIC.