Remata o ciclo (IN)VISUAL cun concerto audiovisual no CEI a cargo do colectivo MIL111

venres, 22 de maio do 2026 S. P.

O colectivo galego MIL111

Como xa fomos dando conta dende Código Cero neste mes de maio, a cultura dixital contemporánea está máis viva ca nunca na cidade da Coruña co proxecto (IN)VISUAL, un ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que ten lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña).
Este sábado, 23 de maio, ás 20 horas, (IN)VISUAL pechará a súa primeira edición coa actuación do colectivo galego MIL111, que presentarán en vivo a súa creación Sen título 0.1.
Información ben importante é a de que as entradas para este último concerto live AV de (IN)VISUAL están xa esgotadas.
Indo ao concerto deste sábado, Sen título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. Na peza, as imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe artellar desde a súa propia experiencia, memoria e desexo: formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta coa estrutura dunha meditación. A pantalla represéntase como un significante: unha superficie aberta que non contén un significado fixo, senón que agarda ser interpretada.
En canto ao grupo MIL111, dicir que é un dúo artístico formado polos artistas visuais Iria del Bosque e Borja Bernárdez. O seu traballo sitúase no eido da arte dos novos medios e reflexiona sobre os procesos emocionais e cognitivos do ser humano desde unha perspectiva metafísica evolutiva.
A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é de balde, sendo preciso realizar un depósito de 5 euros por tícket no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com que será devolto posteriormente (no caso do concerto deste sábado, 23 de maio, lembrar que as entradas están esgotadas).
O público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo porá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do comezo do show, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk. Ás 21.30 horas, o público que faga uso do autobús estará de volta en Juan Flórez, nº 10.