Remata o cuarto certame Galetiktokers con 51 pezas audiovisuais presentadas

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

Este venres 10 de novembro chegou ao seu remate a cuarta edición do certame Galetiktokers, impulsado polo Concello de Ames. As persoas premiadas déronse a coñecer nunha gala celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns, que estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. San Froilán, Cociñeiras festeiras, Facendo un estoque dende cero, O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde, O galego non é de vellos e Prepo Rap foron os vídeos gañadores.
Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios.
Esta iniciativa pretende “estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos” e, á vez, “servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers”.
Entre as 51 pezas audiovisuais, presentadas por máis de 120 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartiranse seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, e na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) houbo 22 vídeos admitidos.
O xurado estivo composto por María Rúa Rodríguez, creadora de contido en galego (@Pradorua); Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual; e Gabriel García Calvo, creador de contido en galego (@Gabiig8). Actuou como secretaria do xurado a técnica do departamento municipal de Xuventude, Pilar Villaverde.
Premios do xurado
Na primeira categoría (mozos/as de 13 a 16 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle os premios de 300 euros a peza San Froilán de Laura Fompedriña, Iria López, Marta Rebolo e Jimena Morán, un vídeo en formato vlog que destaca pola súa boa estruturación, variedade de planos e calidade técnica. O xurado tamén destacou a súa parte divulgativa, onde explican dunha forma moi clara, dinámica, orixinal e divertida de onde procede o San Froilán.
Dentro desa mesma categoría tamén foi premiado con outros 300 euros a peza Cociñeiras festeiras, de Lorena Cabero Pérez, Xulia Rego Rodríguez e Antía Lourido Villasenín. Dste vídeo, o xurado destacou o seu xiro na trama ou plot twits realizado de forma moi divertida e orixinal. Tamén salientaron que dea a coñecer o noso patrimonio , dado que nos ensina que é unha foliada.
Ademais destes dous vídeos premiados, o xurado acorda recoñecer como finalistas desta categoría os seguintes vídeos: A historia de Vanesa: parte 2, Orixinal Viaxe, Se queres solucionar deixa de pegar e Situacións; Non me fagas a punheta.
Na segunda categoría (mozos/as de máis de 17 anos) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza Facendo un estoque dende cero, de Luis Del Río Pena, polo seu contido divulgativo, dando a coñecer os xoguetes tradicionais no presente de forma orixinal, cunha comunicación clara e unha edición de vídeo moi profesional. Destaca, ademais, a claridade e a calidade lingüística da súa exposición.
Tamén foi premiado, dentro da segunda categoría, o vídeo O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde de Paula Salgado Torres pola orixinalidade do vídeo e o traballo na súa produción. Realiza unha maquillaxe profesional mentres recita en galego, cunha gran calidade lingüística, unha obra universal da literatura, intentando transmitir as sensacións do texto a través do traballo na súa pel. O importe deste premio tamén é de 300 euros.
Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acorda recoñecer como finalistas desta categoría os seguintes vídeos: Vestímonos con Rebelico! de Eva Fernández Prieto; La Rosamaría – Despechá de Iago Martínez Martínez; Chaíñas coma ti (Shakira e BZRP en galego) de Iago Gordillo Trigo; e Podes mudar!, de Martín Represa Pedrosa e Alfonso Represa Pedrosa.
Premios do público
Na categoría de 13 a 16 anos foi galardoada polo público cun total de 498 gústame a peza O galego non é de vellos, de Naira Abalo Galbán. Na segunda (mozos/as de máis de 17 anos) cun total de 508 gústame outorgouse o premio do público á peza Prepo Rap de Alba Ferreiro Díaz, Jimena Conde Rodríguez, Sofía Brezmes González, Nicolás Fernández Seco, Andrea Díaz Cupeiro e Lara Luaña Argüelles. O importe dos premios foi de 300 euros cada un.

PUBLICIDADE