Remata o prazo para enviarmos as nosas propostas youtubeiras

martes, 20 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe remata o prazo para presentar contribucións a unha das grandes novidades da edición 2018 do certame Youtubeir@s. Estamos a falar do apartado Premio do público, unha categoría na que poden participar as persoas usuarias de Facebook, e poderán facelo propoñendo (cun comentario no perfil de Youtubeir@s) un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. Con todas as contribucións recibidas crearase un álbum na páxina de Facebook do certame para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo.
Os cinco vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo pasarán ao xurado dos premios. Deles escollerase, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira, valorado en 500 €.
O certame Youtubeir@s, que vai pola súa segunda edición, ten o obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua, fomentando a creatividade con temas propios e xerando referentes en galego. O proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove), das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. A convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Nos galardóns poderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. As pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición.
Os devanditos 5.500 euros repartiranse nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como dixemos antes, a través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.

PUBLICIDADE