Remata o programa de emprego xuvenil e tecnolóxico de Boiro, Rianxo e A Pobra

mércores, 1 de outubro do 2025 S. P.

Os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra dan remate ao Programa de Emprego Xuventude I cunha entrega de diplomas na que participaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal; e o xefe de Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego da Coruña, Javier Campa García.
Este obradoiro configurouse como un programa experiencial de emprego e formación coa finalidade de mellorar a empregabilidade das persoas participantes mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social, principalmente envorcadas no plano tecnolóxico-dixital. Participaron un total de 15 alumnos e alumnas de entre 18 e 30 anos que recibiron formación en montaxe de equipos informáticos, operacións auxiliares de manutención de sistemas microinformáticos e a realización de operacións auxiliares con Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC).
O alumnado recibiu formación teórica e tamén práctica coa que levaron a cabo traballos nas instalacións informáticas nas aulas do Centro de Formación de Espiñeira, na aula de informática da Biblioteca Municipal de Boiro, na aula da antiga escola de música do Campiño; aula de informática do auditorio de Rianxo… así como formación en módulos transversais para a procura de emprego.
O Programa de Emprego Xuventude I contou co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do mecanismo FSE+.