Remata o proxecto de CITMAga para producir silicio sostíbel

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

Logo de cinco anos de investigación, o proxecto SisAl Pilot sobre o desenvolvemento de procesos sostíbeis para a produción de silicio pechaba o seu ciclo. A xuntanza final do consorcio no que participa a Universidade de Santiago (USC) a través do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) que se celebrou en Bruxelas servía para concluír os obxectivos acadados nesta investigación financiada polo programa Horizon 2020.
Indo ao proxecto en cuestión, SisAl Pilot centrouse en escalar e demostrar unha nova tecnoloxía patentada: a redución aluminotérmica de cuarzo en escoria, empregando materias primas secundarias, como chatarra e residuos de aluminio ao final da súa vida útil. Estes materiais substitúen aos redutores de carbono tradicionais, conseguindo unha alternativa máis sostíbel tanto económica como ambientalmente.
SisAl Pilot promove a circularidade de xeito pioneiro a través dunha simbiose industrial entre os sectores do aluminio e o silicio, onde a industria do aluminio non só actúa como provedora de materia prima, senón tamén como usuaria final dos produtos da industria do silicio. Os resultados demostraron que este proceso é viábel non só a pequena escala, senón tamén a nivel industrial. Ao longo do proxecto, validouse a calidade dos produtos xerados, o seu impacto ambiental, e avaliáronse parámetros económicos fundamentais para establecer as bases da súa futura comercialización.
Cada un dos socios presentou na xuntanza os avances acadados nos diferentes paquetes de traballo desde a última reunión en Sudáfrica. Durante este tempo, o CITMAga (do que forma parte a USC) contribuíu esencialmente ao modelado e simulación numérica dos procesos que teñen lugar nos fornos industriais de Fundiciones Rey e ELKEM. SisAl Pilot acadou numerosos fitos importantes nos seus catro anos de actividade, entre os que salienta a produción de metal SisAl no forno rotativo de Fundiciones Rey en Vilagarcía de Arousa.
A mesa redonda organizada por Science|Business xunto coa oficina da NTNU en Bruxelas titulada: Critical Raw Materials and Circular Economy: A New Way Forward for Europe? reuniu especialistas de diversas áreas do eido político, industrial, académico e financeiro co propósito de debater como Europa pode mellorar a súa capacidade para acceder e xestionar materiais críticos como o silicio, asegurando a súa competitividade nun marco de sostibilidade e protección ambiental. A discusión abordou como os logros do proxecto SisAl Pilot serven de exemplo para avanzar en tecnoloxías circulares e libres de carbono na produción de silicio, e como estes avances poden guiar a próxima fase estratéxica da política da Unión Europea.
En canto ao equipo de SisAl Pilot, sinalar que se atopa dirixido por: Alfredo Bermúdez, e por parte do CITMAga están, José Luis Ferrín, Pilar Salgado e Dolores Gómez, a súa actual coordinadora. Asemade, participaron: Jorge Albella, Branca García, Luis Pérez, Óscar Crego e Iván Martínez, xunto con Sebastián Bouzas á fronte da xestión. Tamén se contou coa participación de Javier Bullón, membro do Comité Asesor Industrial do CITMAga. O proxecto coordinado pola Norwegian University of Science and Technology, baixo a dirección de Gabriella Tranell e a xestión de Maria Wallin, contou coa participación de 22 socios, entre eles CITMAga, e empresas como Fundiciones Rey (España), ELKEM (Noruega) e Mintek (Sudáfrica).
O silicio
Segundo se fixo saber, o silicio é unha materia prima fundamental, con moitas empresas dedicadas á súa produción. Utilízase en particular na industria electrónica para a elaboración de semicondutores e microchips para os computadores, pero tamén noutros ámbitos como os paneis solares, nas aliaxes do aluminio e nas siliconas. Neste proxecto patentouse un proceso sustentábel e económico para a produción de silicio, considerado na actualidade como “un material moi relevante para Europa”.