Remata o quinto Coworking de Barro co despegue definitivo de 20 proxectos innovadores

venres, 31 de xullo do 2020 S. P.

A quinta edición do Coworking de Barro, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) baixo o lema Apostando por un futuro sustentábel en 2030, chegou esta semana ao seu remate. E fíxoo cunha xornada de demostración (un Demo Day) na que os proxectos impulsados e acubillados luciron potencial de mercado e poder de innovación: 20 iniciativas co nexo común de revolucionar o tecido produtivo.
No acto, conducido polo xornalista, Luis Fraga, e no que tamén participaron o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández e, telematicamente, a directora xeral da EOI, Nieves Olivera, a presidenta provincial, Carmela Silva, enxalzouse a capacidade de resposta dos proxectos emprendedores, centrados na sustentabilidade, nas novas tecnoloxías e nos principais sectores produtivos da provincia.
En total participaron na quinta edición da aceleradora de traballo colaborativo de Barro 20 proxectos emprendedores, dos que 11 foron liderados por mulleres.
A presidenta da Deputación puxo en valor ao equipo de traballo do coworking, liderado pola mentora Carmen Costas, cuxos integrantes tiveron que adaptar a formación presencial, ideada nun primeiro momento ao igual que nas anteriores edicións, para reconvertela en telemática debido á COVID. Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, enxalzou o importante traballo levado a cabo polas emprendedoras e polo equipo de asesoramento. Tamén salientou o papel da Deputación de Pontevedra e da EOI, “axudándovos a afrontar as vosas ilusións e proxectos de futuro a través da formación, con espazos, como este de Barro, para que todas e todos teñades moitas máis oportunidades”.
Na quinta edición do Coworking de Barro participaron proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento, co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de éxito a través dun programa de asesoramento personalizado que incluíu formación grupal e titorías individuais a distancia. Deste xeito na xornada presentáronse todas as iniciativas participantes entre as que se atopan Terracans, de Noelia Prieto, unha residencia canina para gozar de “vacacións divertidas”; Galinsecta, de Manuel Ángel Gil e Héctor Fernández, adicada á cría de insectos para a produción de ingredientes orgánicos de alta calidade para alimentación animal; Shell Panel, de Joaquín Domínguez, centrada no deseño e fabricación de paneis para revestimentos de paredes feitos con residuos da industria pesqueira; EspacioMas, de César Caldera, que fabrica kits para a montaxe dun espazo adicional para o lecer; HomeQube, de Juan Alfonsín, que presta servizos domóticos para o fogar intelixente; Abella Procuradores, de Dolores Abella, centrada na sustentabilidade; Datasight Consulting, de Laureano Pérez, consultaría de negocio para pemes orientada á transformación dixital; Meigas de Brigantia, de Abel Augusto, centrada no desenvolvemento de xogos narrativos; Eva Fandiño, de Eva Pena, que elabora ilustracións minimalistas; Del+Granero Creativo, de Pilar Delmas, espazo de colaboración dirixido a persoas artistas e creadoras; Recunchos, de Verónica García, axencia de viaxes especializada en visitas e rutas guiadas; Patri Menduiña Turismo+Patrimonio, de Patricia Novas, centrada no asesoramento, acompañamento e deseño de produtos turísticos; Turismo de Historias, de Silvia Cernadas, empresa de rutas turísticas e actividades de formación baseadas na investigación histórica; María Biembica Abogada, de María Biempica, empresa que presta asesoramento xurídico para o sector turístico; Galicia Legens, de Silvia Sancho, centrada nos contidos visuais especializados na cultura etnográfica; Entrenar desde 0, de Daniel Oliveira, unha aplicación de exercicio físico, nutrición e hábitos saudábeis; Moliabo, de Ángel Vidal, empresa dedicada ao adestramento deportivo especializado en fútbol; Garden Yoga, de Bernardo Gamallo, escola virtual e presencial de ioga e meditación tibetanos; Artesa Saudable, de Sonia Iglesias, proxecto dedicado a impartir cursos e obradoiros de alimentación saudábel e sustentábel e Maremonte, de Sandra viñas, empresa de patés de cogomelos e setas das Rías Baixas.

PUBLICIDADE