Rematan os litixios contra Facebook e GeoHot

luns, 11 de abril do 2011 Marcus Fernández

Os xemelgos Winklevoss e George Hotz levan meses enzarzados en sendos litixios xudiciais

Hoxe parece o día das resolucións xudiciais, pois coinciden no tempo o peche de causas ao redor de Sony e Facebook. Por unha banda, a división norteamericana de videoxogos de Sony (SCEA) anunciou que chegou a un acordo con George Hotz, popular por estar detrás dun dos hackeos do iPhone e por facer o propio coa PlayStation 3, para rematar coa súa loita xudicial, manifestando ambas partes a súa satisfacción polo fin dun litixio que non parecía dirixido a conseguir nada positivo (o material publicado por Hotz na web non era novo, e continúa a estar dispoñible sen a súa colaboración).
E por outra banda, os xemelgos Cameron e Tyler Winklevoss veñen de recibir a mala nova de que terán que aceptar un vello acordo polo que recibiron unha indemnización por parte de Facebook (servizo do que acusaron a Mark Zuckerberg de roubarlles a idea) de 65 millóns de dólares que partía dunha valoración da compañía que non parecía corresponderse coa realidade.
Os xemelgos querían unha indemnización maior tras ver que Facebook recibiu unha valoración de 50.000 millóns de dólares nunha recente transacción (lembremos que a compañía ingresou 1.200 millóns de dólares nos primeiros 9 meses de 2010), pero o xuíz xefe do Tribunal de Apelacións dos 9º Circuíto dos EE.UU., Alex Kozinski, asegurou que «nalgún punto o litixio ten que chegar a un fin; e a ese punto chegouse agora».

PUBLICIDADE