Rematou 1ª edición do Bono Beixe con máis 146.000 consumidores beneficiados

venres, 10 de outubro do 2025 S. P.

A primeira edición do programa autonómico de promoción do consumo de produtos pesqueiros frescos, Bono Peixe, finalizou este xoves 9 de outubro ao esgotarse os 2,5 millóns de euros que destinou a Xunta a esta medida que a Consellería do Mar cualificou de “pioneira”. Así o anunciou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, desde o Mercado Municipal de Lugo, onde fixo un balance preliminar desta acción impulsada polo seu departamento. Destacou os 750 establecementos adheridos a este programa do que se beneficiaron máis de 146.000 consumidores a través das novas ferramentas dixitais xerando un impacto en vendas de case 11 millóns de euros.
Marta Villaverde salientou “a gran acollida desta iniciativa que confirmou o interese espertado no conxunto da comunidade, á vez que permitiu dar maior visibilidade á necesidade de garantir a presenza destes alimentos na cesta da compra”.
Marta Villaverde sinalou que esta acción “serviu para confirmar de novo o impacto do factor prezo nos hábitos de consumo dos produtos pesqueiros polo que volveu a reclamar ao Estado a rebaixa do IVE ao peixe, marisco e conservas”. Seguindo este fío lembrou “as experiencias positivas de países do noso entorno como Portugal así como o aval de organismos internacionais e por estudos independentes que resaltan o seu impacto positivo para o conxunto da cadea mar-industria”.
As máis de dez semanas de vixencia do Bono Peixe deixou un comportamento moi diferente nas distintas provincias. Así, A Coruña lidera por número de descargas con máis de 100.000, seguida de Pontevedra con case 90.000, Lugo con 22.000 e Ourense con 21.000. Pola contra, en canto a número de establecementos, a provincia de Pontevedra liderou con 304, seguida da Coruña con 290, con Lugo e Ourense empatadas con 78 establecementos. En total participaron 233 operadores, dos que a gran maioría son establecementos de venta polo miúdo (188), 26 hipermercados, 18 ambulantes e 1 gran almacén.
Os bonos tiveron formato dixital para seren descargados polos usuarios previamente na web bonopeixe.gal. Desde este momento, e a través dun código QR, estiveron dispoñibles para o seu uso nunha aplicación específica que permitiu realizar os pagamentos. No momento da compra, os usuarios deberon ir acompañados do seu DNI ou indicar o seu número de teléfono móbil para certificar que son beneficiarios desta iniciativa deseñada polo Goberno galego, destinada a “incentivar o consumo e de apoiar a actividade dos operadores comerciais minoristas, pero que son determinantes para garantir a seguridade alimentaria aos consumidores”.