Remedy anuncia que haberá secuela do xogo Control

venres, 11 de novembro do 2022 Marcus Fernández

O éxito do videoxogo Control levou a Remedy Entertaintment a asinar un acordo con 505 Games para desenvolver e publicar de xeito conxunto Control 2, xogo no que até o momento estaban a traballar co pseudónimo Codename Heron.
Control 2 conta cun orzamento inicial de 50 millóns de dólares, e Remedy reterá a propiedade da marca. O desenvolvemento, o marketing, e os investimentos tras o lanzamento e futuros ingresos netos que produza o xogo repartiranse a partes igual entre as dúas copmañías.
Está previsto que Control 2 conte con versións para PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S, e desenvolverase empregando o motor propietario Northlight. Remedy encargarase da publicación para PC, mentres que 505 Games encargarase das versións de consola.
Polo momento non hai previsión da data de lanzamento do título xa que se atopa aínda na fase de concepto e, de feito, na páxina web do xogo anuncian numerosas ofertas de traballo para os postos que teñen que cubrir nos vindeiros meses para facer realidade o proxecto.

PUBLICIDADE