Remix OS permitirá usar o móbil como se fose un equipo de escritorio

martes, 21 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses as propostas de Jide á hora de adaptar Android 6.0 a equipos informáticos, convertendo o sistema operativo promovido por Google nunha interesante alternativa a Windows, captaron moita atención e incluso houbo varios fabricantes que comercializaron equipos con Remix OS preinstalado, e agora anuncian unha nova solución igualmente atractiva: Remix OS for Mobile. Trátase dunha solución que lanzarán no verán e que sería o equivalente ao Continuum de Windows, ou sexa, que permitiría empregar un teléfono con Android como se fose un ordenador con Android cando o conectamos a unha pantalla externa, o que coñecen como Remix Singularity, e que desatarían o potencial dos smartphones Android dun xeito difícil de imaxinar hai uns anos.
Dende Jide propoñen o uso do smartphone como se dun ordenador se tratase empregando unha base que contará coa saída de vídeo para poder conectalo a un monitor externo, na mesma liña a como tamén facían os smartphones de alta gama con Windows Phone, o que sería unha atractiva solución para a oficina, mentres que para o fogar tamén propoñen o uso dun modo especial orientado ao televisor, de xeito que poderiamos empregar o teléfono para achegar á meirande pantalla do fogar contidos de lecer como vídeo en streaming e xogos (ou sexa, como se tivésemos un televisor con Android TV). Todo isto sen perder Android no móbil, e coa grande vantaxe de que, como as actuais versións de Remix OS, a súa descarga será de balde, aínda que o máis interesante dunha solución deste tipo sería que algún fabricante se animase a darlle soporte oficial, atendendo así aos usuarios que queiran gozar de ordenador e móbil nun único dispositivo, podendo levar os seus datos sempre consigo con independencia da nube.

Vídeo de presentación de Remix Singularity

PUBLICIDADE