Renovan as licenzas das canles privadas da TDT ata 2040

martes, 3 de xuño do 2025 Redacción

O Consello de Ministros aprobou a renovación automática das licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) en ámbito estatal para catro grandes operadores privados: Atresmedia, Grupo Audiovisual Mediaset España Comunicación, Veo Televisión e Net TV. As seis licenzas renovadas terán unha vixencia de quince anos, conforme á Lei 13/2022, do 7 de xullo, que regula o servizo de comunicación audiovisual en España. Esta decisión asegura a continuidade da oferta televisiva privada en aberto no sistema de TDT, mantendo a estabilidade do sector audiovisual español ata o ano 2040 nun escenario no que seguen a ser moitas as dúbidas sobre o futuro da televisión tradicional.
A medida, publicada no Boletín Oficial do Estado o 2 de xuño de 2025, entra en vigor entre o 28 de maio e o 11 de xuño deste ano, segundo a data de expiración de cada licenza. A resolución indica que os operadores cumpren os requisitos esixidos pola normativa vixente: manterse ao corrente nos pagos de taxas, non presentar impedimentos técnicos no uso do espectro e conservar as condicións que os habilitan como titulares.
Atresmedia renova dúas licenzas que lle permiten operar cinco canles de TDT, tres delas herdadas de Antena 3 e dúas da antiga La Sexta. Mediaset España tamén mantén dúas licenzas que lle permiten emitir seis canles, cuxas orixes remóntanse a Gestevisión Telecinco e Sogecable. Pola súa parte, Veo TV e Net TV conservan as súas respectivas licenzas para dous canles cada unha.
Estas renovacións danse no marco dunha lexislación que garante a continuidade dos servizos televisivos lineais se se cumpren as condicións estipuladas. A Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial confirmou que todas as entidades implicadas presentaron a documentación requirida e superaron os controis legais e técnicos establecidos.