Renóvase o portal do Observatorio da Lingua Galega

mércores, 4 de xullo do 2018 Redacción

O portal web do Observatorio da Lingua Galega, ferramenta dixital de acceso libre destinada a informar sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos, vén de ser obxecto dunha importante remodelación. Así nolo fixeron saber hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, acompañados de Miguel Costas, representante da consultora Eosa, xestora do proxecto. Segundo explicaron, a renovación é tamén un xeito de conmemorar os dez anos de actividade do portal e do seu boletín informativo: unha década dando conta da nosa lingua e achegando un espazo de difusión da diversidade lingüística mundial. O resultado dos traballos xa se pode ver en www.observatoriodalingua.gal.
Na presentación, Mar Pereira fixo saber que os labores de posta a punto e o incremento de servizos en liña do portal intégranse na “estratexia da Xunta para consolidar unha Administración dixital”. Tamén lembrou, xunto co secretario xeral e facendo un pouco de historia, que o portal web do Observatorio da Lingua Galega púxose en marcha en 2008 como unha “ferramenta dixital de acceso libre e de balde creada como instrumento divulgativo e informativo sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos sociais”. Ao longo deste tempo, engadiron, recibiu visitas de máis dun cento de países diferentes (dos 5 continentes) e subscribíronse ao seu boletín máis de 1.200 persoas (de Galicia e do exterior), ás que lle chegaron 500 boletíns con máis de 16 000 novas sobre linguas.
Pereira e García tamén recordaron que no portal están tamén dispoñíbeis as observacións feitas nunha manchea de canles e escenarios, elaboradas todas elas seguindo unha metodoloxía de traballo centrada tanto na vertente cuantitativa (a través da elaboración e realización de enquisas, levadas a cabo nas diferentes organizacións que integran cada un dos ámbitos sinalados) como na cualitativa (traducida na realización de 25 paneis de escoita en cada un dos cales participaron entre cinco e sete persoas relacionadas co ámbito de análise -148 en total- e asistidas por un grupo de apoio, co obxectivo de “contrastar opinións e debater sobre temas vinculados á lingua galega para recompilar información e valoracións sobre aspectos non tratados nos estudos cuantitativos”).
Polo que respecta á renovación, sinalaron que a web estrea o dominio .gal e unha imaxe “máis moderna e dinámica”, na que “se reducen as seccións e amplíanse os contidos informativos para un aproveitamento máis eficiente e eficaz da súa usabilidade e unha meirande adaptación tanto a novos dispositivos coma ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), en vixencia desde o 25 de maio”. Desde a súa páxina de inicio, pódese navegar por seis bloques de información (carrusel de mensaxes, destacados, últimas noticias, axenda de actividades, accesos directos a seccións internas e subscrición ao boletín) e cinco seccións (observatorio, actualidade, proxectos, información e recursos). Canto ao novo boletín, que se continuará enviando aos enderezos electrónicos das persoas subscritas con periodicidade semanal, cada xoves, configúrase en seis bloques de información (nova en portada, novas de Galicia, de España e do mundo, axenda e destaques), cun deseño no que “priman a cabeceira e o contido gráfico”, explicaron.

PUBLICIDADE