Reparto de luxo para a versión americana de Espíritu del Bosque

luns, 14 de abril do 2008 Raquel Noya

Espiritu del Bosque, a terceira longametraxe de animación 3D dos estudios galegos, Dygra Films, e que nos últimos meses estivo por EE UU dándose a coñecer e tentando pechar ligazóns con distintas distribuidoras, vén de acadar un dos seus principais obxectivos, contar coa súa versión americana, nada menos que da man de Fantastic Films International.
Esta distribuidora de Hollywood foi a encargada das ventas internacionais de Espiritu del Bosque e dirixiu o casting da versión norteamericana do filme, a cal contará coas voces da talla de Anjelica Huston, Sean Astin, Giovanni Ribisi e Ron Perlman entre outros.
Manolo Gómez, director dos Estudios Dygra Films, salientou que este paso “supón dar un salto cualitativo en tódolos sentidos e un casting de luxo como o que teñen para a versión norteamericana é unha mostra diso”.
Pola súa parte, Fred deWysocki, de Fantastic Films International, tamén se amosou moi satisfeito co reparto e asegurou estar “encantado” co valor engadido da mensaxe ecoloxista en defensa dos montes que se transmite no filme galego.

PUBLICIDADE