Reporteiros Sen Fronteiras emprende accións legais contra X

venres, 15 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Mentres as autoridades europeas continúan a investigar a plataforma social de Elon Musk, dando a impresión de que as sancións por incumprir a lexislación europea tardarán en chegar, dende Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) decidiron dar un paso adiante e presentaron cargos criminais contra X ante os xulgados franceses.
Reporteiros Sen Fronteiras, tras descubrir que eran obxecto dunha campaña de desinformación, presentou 10 reclamacións ante X por incumprimento das normas da plataforma social, constatando que ningunha das publicacións ofensivas foron retiradas, polo que decidiron denunciar a X ante os tribunais franceses por complicidade na distribución de falsidades e roubo de identidade.
Entre os contidos denunciados por Reporteiros Sen Fronteiras estaba un vídeo que finxía ser obra da BBC, no que daban conta dun suposto estudio de RSF sobre a presenza de nazis entre os militares ucraínos, como un xeito de lavar a imaxe rusa. O vídeo facía uso da imaxe de RSF e conseguiu preto de medio millón de reproducións ante a inacción de X, que ante as numerosas reclamacións só remitía respostas automáticas.
Reporteiros Sen Fronteiras non se está a limitar a denunciar a X ante as autoridades galas, senón que tamén prestou testemuño ante a Comisión Europea, dando conta da falta de efectividade do sistema de reclamacións de X dentro da Lei de Servizos Dixitais. Tamén destacaron que o actual selo de verificación de X resulta enganoso para os usuarios, dando a impresión de que as contas que o locen son de fiar, cando realmente se trata dun distintivo de pagamento presente en moitas das contas de usuario que máis desinformación difunden.