Reprodutores iPod nano de Sensación de Vivir

mércores, 30 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Os reprodutores multimedia de Apple permiten dende hai tempo que os que os adquiran a través da súa web os personalicen de balde cun gravado (de texto) con láser, pero a posibilidade de tatuar os iPod tamén abre a posibilidade de comercializar edicións limitadas con motivos, o que dende a CBS aproveitan, de xeito que dende a súa páxina web norteamericana veñen de estrear unha edición limitada de reprodutores iPod nano de 2.000 unidades coa imaxe da serie Sensación de Vivir, o que podería agradar a moitos nostálxicos, que poden adquirir o modelo de 4 Gb por 219 dólares e o de 8 Gb por 269 dólares.
Estas edicións dos iPod nano tamén aceptan o gravado láser coa frase que queiran os seus compradores, o que os converten nuns reprodutores aínda máis exclusivos. Iso si, esta personalización non se limita á serie ambientada en Beverly Hills, senón que tamén é posible facerse cun iPod Touch de CSI: Miami, un iPod nano de Entre Fantasmas ou un iPod shuffle da serie orixinal de CSI entre moitos outros reprodutores.
Polo momento non sabemos de ningunha compañía española que replicara a iniciativa dentro das nosas fronteiras con reprodutores iPod de Los Serrano ou Médico de Familia.

PUBLICIDADE