Resident Evil 4 chega aos últimos dispositivos de Apple

mércores, 20 de decembro do 2023 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil 4 chegou hoxe aos últimos dispositivos de Apple, ou sexa, que os posuidores de móbiles iPhone 15 Pro e tabletas e ordenadores con procesadores Apple Silicon poden gozar desta revisión dun clásico, que ao tirar proveito de tecnoloxías como MetalFX Upscaling consegue amosar uns gráficos de impresión mantendo un excelente desempeño.
O xogo pode descargarse da App Store de balde, para logo poder adquirir a súa campaña dentro da aplicación a un prezo promocional de 29,99 euros (o que supón un desconto do 50% até o 17 de xaneiro), destacando o feito de que só é precisa unha compra para gozar do xogo en ordenadores e dispositivos móbiles, permitindo incluso transferir as partidas gardadas entre dispositivos.
En iPhone e iPad o xogo conta con controis táctiles personalizables, mentres que en Mac incluso soporta o control mediante teclado e rato.
Cómpre lembrar que non estamos ante unha típica versión para móbiles do xogo, e como mostra de que esta versión do xogo é moito máis ambiciosa podemos ver como o título ocupa 64,2 GB, o que é unha boa mostra de que estamos ante un xogo máis propio de consola que dun smartphone ou unha tableta.

Tráiler de Resident Evil 4 para dispositivos de Apple

PUBLICIDADE