Restaurado dixitalmente o retrato do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, o santo dos croques

luns, 30 de marzo do 2026 S. P.

Con motivo do aniversario da colocación dos linteis do Pórtico da Gloria, o proxecto KosmoTech_1200 da Universidade de Santiago e o CISPAC, desenvolvido en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, presenta a restauración dixital dunha das figuras máis célebres e enigmáticas da Historia da Arte: o retrato do Mestre Mateo, coñecido popularmente como “o santo dos croques” polo ritual de golpear a súa cabeza para absorber simbolicamente a súa sabedoría.
A restauración dixital, que xa pode verse no perfil audiovisual do proxecto, consistiu na restitución das partes perdidas da figura e na reconstrución da súa policromía.
“O resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na sofisticación do seu deseño escultórico como na precisión da súa execución material, restituíndo a intensa presenza que a figura debeu de posuír dentro do programa orixinal do Pórtico”, explicou o director científico do proxecto, o investigador Francisco Prado-Vilar, engadindo que o proceso de investigación revelou “aspectos ata agora descoñecidos da historia material da figura e do seu significado iconográfico”.
Así, a restauración acompáñase dun estudo que permitiu descodificar as claves do seu deseño xestual e da súa disposición escenográfica, poñéndoa en relación tanto coa famosa inscrición dos linteis, onde figura o nome do Mestre Mateo, como co coro pétreo cara ao que dirixe a súa mirada. Esta análise guinda nova luz sobre cuestións longamente debatidas en torno á misteriosa figura do Mestre Mateo como a súa orixe e identidade, a natureza e alcance da súa formación, e os contextos intelectuais e artísticos que fixeron realidade a concepción da obra.
Ao tempo, contribúe a redefinir os seus vínculos con Santiago, non só en termos profesionais, senón tamén en relación coa súa posible inserción no tecido cultural, litúrxico e pedagóxico da catedral, ofrecendo así unha comprensión máis profunda e matizada da súa figura e do seu papel nun dos momentos máis innovadores da arte medieval europea.
Restauración dixital
A análise material da figura, xunto cunha investigación sistemática en arquivos fotográficos históricos, permitiu documentar os extensos danos que sufriu, tanto na cabeza, acentuados polo ritual dos “croques”, como, especialmente, na súa parte inferior, onde se encontraba unha das zonas máis elaboradas do seu deseño escultórico e que experimentou roturas e unha constante disgregación do granito.
A restauración dixital, realizada por Alexandre González Rivas mediante o uso combinado de máis de dez programas informáticos especializados (RealityCapture, ZBrush, Blender, Substance Painter, Xnormal, Substance Designer, Unreal Engine 5, entre outros), permitiu reverter virtualmente os danos e recuperar o efecto orixinal da escultura segundo as investigacións de Francisco Prado-Vilar.
Nunha primeira fase, a partir dun modelo fotogramétrico de alta resolución, xerouse unha malla densa optimizada mediante procesos de retopoloxía e limpeza topolóxica, sobre a que se levou a cabo a reintegración dixital das partes perdidas mediante esculpido 3D. Esta intervención permitiu corrixir os deterioros na cabeza e, especialmente, na zona inferior.
“O esculpido apoiouse tanto na evidencia fotográfica histórica como en criterios de continuidade xeométrica e coherencia estrutural, garantindo a correcta transición entre superficies orixinais e reconstruídas”, sinala a USC, engadindo que “foron empregados normal maps e displacement maps para preservar o detalle superficial do escaneo orixinal, integrándoo coas novas achegas”. O proceso orientouse a restituír os ritmos do drapeado e devolver a coherencia ao sistema de pregues que articula a caída da túnica e a capa en torno ás pernas, respectando en todo momento a lóxica material e construtiva da escultura.
A continuación, procedeuse a unha restitución hipotética da policromía, baseada nos pigmentos e motivos decorativos documentados na primeira policromía do Pórtico, así como en paralelos procedentes da iluminación de manuscritos contemporáneos. Esta reconstrución cromática articulouse mediante o uso de texturas PBR e mapas de cor, especularidade e rugosidade, coa fin de simular o comportamento material dos distintos estratos pictóricos en condicións de iluminación variables.
“O resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na complexidade do deseño das vestimentas como na precisión da súa execución material, ao tempo que recupera a dimensión emotiva do retrato, restituíndo a intensidade de presenza que a figura debeu de posuír orixinalmente dentro do dispositivo escenográfico envolvente do Pórtico”, conclúe Prado-Vilar.

Vídeo sobre a restauración dixital