Retiran Cyberpunk 2077 da PlayStation Store

venres, 18 de decembro do 2020 Marcus Fernández

O lanzamento de Cyberpunk 2077 está a facer que un dos xogos máis ambiciosos dos últimos anos percíbase como unha auténtica desfeita, especialmente nas versións de consolas da anterior xeración, que non só presentan grandes fallos, senón que basicamente son xogos sen rematar, o que levou a CD Projekt Red a pedir desculpas por ter lanzado o xogo en tal estado e comentar a posibilidade de solicitar a devolución do xogo (ofrecéndose incluso a mediar nos casos nos que o vendedor non aceptase a petición).
Os moitos adiamentos do xogo non foron dabondo para que puidésemos falar dun xogo realmente rematado, e xa hai grandes actualizacións do mesmo previstas para os meses de xaneiro e febreiro, polo que quen queira gozar realmente deste título debería agardar para poder ter unha experiencia realmente digna e non padecer así problemas como a perda de gardados de partida ou bugs que fan imposible superar unha misión ou provocan grandes fallos gráficos.
Esta situación tan crítica levou a unha decisión realmente drástica por parte de Sony, que decidiu suspender temporalmente a distribución de Cyberpunk 2077 na PlayStation Store, aínda que o xogo continuará a estar dispoñible en tendas físicas, abrindo unha páxina web dende a que os consumidores que adquirisen o xogo poden solicitar a devolución dos seus cartos (procedemento que pode levar varios días, en función do método de pagamento empregado).
Polo momento non hai un procedemento especial de devolución dos cartos para copias de Cyberpunk 2077 para Xbox One, pero non sería de sorprender que chegase nas vindeiras horas, oficializando así que o xogo chegou roto para consolas da anterior xeración, e só as versión para máquinas de grande potencia ofrecerán unha experiencia de xogo digna a medio prazo.
Pese a que agora poida dar a impresión de que CD Projekt Red está a responder axeitadamente ante os problemas do seu xogo, o certo é que a compañía foi claramente desleal co público, xa que na promoción de Cyberpunk 2077 só amosaban a súa versión para PC correndo en máquinas de moi alta gama, e as versións de consola da anterior xeración nin sequera foron probadas pola prensa especializada antes do lanzamento do xogo, de xeito que estas vergoñentas versións non se coñeceron até a súa comercialización. Esta falta de honestidade traduciuse nuns 8 millóns de copias reservadas do xogo, algo que non se tería producido de saberse que a produción estaba aínda á altura do prometido.

ACTUALIZACIÓN: Como era de esperar, Microsoft vén de anunciar que tamén facilitará a devolución dos cartos da compra do xogo Cyberpunk 2077 aos usuarios de Xbox que o soliciten a través do procedemento habitual, sen chegar a retirar o xogo da tenda de aplicacións, de xeito que manteñen a opción de que moitos xogadores poidan achegarse a este título dende a súa vella consola, considerando que haberá quen prefira xogar a un título ao que aínda quedan moitos meses de traballo para que sexa un produto completo a non poder ter tal experiencia en absoluto.

PUBLICIDADE