Retómanse as actuacións para a liberación do Segundo Dividendo Dixital

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

A declaración do estado de alarma levou á conxelación do procedemento de liberación do Segundo Dividendo Dixital, e agora que imos avanzando na desescalada do confinamento, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais decidiu que a partir do 1 de xuño cómpre retomar as actuacións planificadas anteriormente, cando menos nos territorios que se atopen na fase 2.
Deste xeito poderanse continuar as actuacións de cambios directos de canle e deixan sen efecto a prohibición de retirar das cabeceiras das instalacións colectivas de recepción de televisión de televisión as canles que se abandonan ao incorporar as novas que as substituirán como consecuencia da liberación do Segundo Dividendo Dixital.
Para este proceso advirten que os profesionais que realicen actuacións de liberación do Segundo Dividendo Dixital deberán adoptar medidas de prevención e contención necesarias para evitar o contaxio e a propagación da COVID-19, tanto de hixiene persoal como de mantemento das distancias mínimas con outras persoas, seguindo as instrución ditadas polas autoridades sanitarias.
No caso de actuacións de resintonización de televisores en domicilios privados os profesionais deberán adoptar as seguintes medidas de prevención: concertar cita; manter a distancia mínima de 2 metros cos clientes; utilizar máscara; utilizar luvas desbotables; dispor de solucións desinfectantes para a limpeza de mandos e botóns do televisor que sexa obxecto de manipulación.
O procedemento de liberación do Segundo Dividendo Dixital tiña previsto rematar o 30 de xuño, data adiada pola crise sanitaria, descoñecéndose cal será a nova data que se fixará para completar este procedemento preciso para unha correcta evolución da telefonía móbil 5G.

PUBLICIDADE