Retómase a formación práctica en contidos audiovisuais da Deputación de Lugo

xoves, 8 de setembro do 2022 S. P.

O equipo directivo e docente do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo deu a benvida ao alumnado de 1º e 2º curso dos ciclos superiores de Realización e Produción que realizarán os seus estudos neste ano académico 2022-2023, o primeiro sen restricións nas aulas tras a pandemia. Na recepción, este xoves 8 de setembro, púxose o foco nas novidades deste curso e en como coa volta á normalidade postCOVID retómanse as prácticas en escenarios reais, “unha das sinais de identidade da Escola”, xunto á matrícula gratuíta e o ensino innovador que promove a institución provincial, moi envorcada en formar ás creadoras e creadores de contidos dixitais do novo e puxante escenario audiovisual.
Os actos de presentación desta primeira xornada formativa incluíron visitas ás instalacións e desenvolvéronse ao longo de toda a mañá en dúas quendas. A primeira arrancou ás 9.30 horas co alumnado de novo ingreso de ambos ciclos, e a segunda quenda, que tivo lugar ás 12.30 horas, estivo dirixida aos alumnos que xa iniciaron os seus estudos o pasado curso.
Cubertas as prazas no ciclo de Realización
A Escola de Imaxe e Son da Deputación inicia o novo curso coa totalidade de prazas cubertas para o ciclo superior de Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. Un total de 20 novos mozos e mozas iniciaranse nesta especialidade tras formalizar a súa matrícula no centro da institución provincial.
O período de inscrición mantense aberto, ata principios do vindeiro mes de outubro, na rama de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, con vacantes aínda dispoñíbeis. As persoas que estean interesadas poden acceder a toda a información sobre este ciclo na ligazón da web provincial ou ben chamando ao teléfono do centro 982.28.46.67.
Volven as prácticas
Unha das novidades do inicio deste curso académico no Centro de Formación Audiovisual da Deputación é a recuperación das prácticas en escenarios reais, que se viron paradas a causa da crise sanitaria. Isto, explicaron dende a Deputación, “permitirá aos estudantes poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos nas aulas en coberturas reais como retransmisións en directo, a organización de eventos ou incluso formando parte dun equipo de rodaxe ao lado dos mellores profesionais en grandes producións coas que colabora o organismo provincial, como por exemplo o último éxito nacional do director monfortino Dani de la Torre co film Live is Life”.

PUBLICIDADE