RetroManiac nace como unha revista electrónica de videoxogos clásicos

luns, 5 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Aínda que as publicacións sobre videoxogos están nunha seria crise en soporte físico, na Rede non deixan de xurdir iniciativas para atender á necesidade de contidos dos xogadores máis intensivos, e dentro desta liña, os máis veteranos agradecerán o nacemento de RetroManiac, unha revista en formato PDF que nas 98 páxinas do seu número 0 recolle multitude información sobre xogos clásicos ou remakes dos mesmos, para que os nostálxicos poidan rememorar os vellos títulos dos salóns recreativos ou de consolas domésticas xa desaparecidas, así coma títulos novos que recuperan o espírito dos xogos dos anos 80 e 90.
RetroManiac adianta o que darán de si títulos descargables coma Sonic 4 ou Toki, repasa o novo Sin & Punishment 2 e as revisións de Perfect Dark e Flashback, bota unha ollada a clásicos coma o Batman de Jon Ritman, o xogo de Emilio Butragueño, Budokan e Uchi Mata, entre outros, e tamén conta con interesantes reportaxes de distinta índole.
Sen dúbida, unha lectura recomendada a todos os que se iniciaron no mundo dos videoxogos hai máis de 15 anos, pois lembrarán grandes títulos e poderán coñecer as posibilidades de recuperar a súa experiencia de xogo nas revisións dos mesmos que van saíndo paulatinamente.

PUBLICIDADE