Retrosantiago lévanos da man ás consolas e aos xogos dos oitenta e dos noventa

venres, 17 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

Este sábado 18 os seareiros das primeiras consolas e aventuras gráficas teñen unha cita en Compostela, un punto encontro especialmente deseñado para os afeccionados cun punto de saudade respecto das décadas pasadas e os produtos e aparellos que lles serviron de porta de entrada ao mundo da informática. Estamos a falar de Retrosantiago, evento que chega á súa primeira edición para, en palabras dos organizadores, dar acubillo “a todos os afeccionados aos videoxogos e á informática retro”.
O evento vén da man dun grupo de coleccionistas de varios puntos da nosa xeografía galega, que xuntaron esforzos para sacar adiante a iniciativa. Nela exporanse todo tipo de aparellos e lanzamentos dos oitenta e dos noventa, principalmente: dende as consolas máis vendidas naqueles tempos (Nintendo, Sega, Atari o Neogeo), até aquelas que só chegaron ao mercado doutros países (Nec/PCEngine oTwin Famicom).
Na xornada tamén terán cabida computadores da familia Amiga, MSX e Spectrum, entre outros. A entrada a este evento é de balde. A idea dos organizadores é que “os asistentes poidan ver e xogar con todas as consolas expostas, nas máis de 20 estacións de xogo”. Para os máis habilidosos e argalleiros, haberá obradoiros de reparación e modificación de consolas, e para os que queiran unicamente xogar, torneos de Mariokart 64, shooters e xogos de loita. Todas as persoas interesadas en gozar desta xornada poden achegarse este sábado, 18 de marzo, de 10.00 a 20.00 h. ao Hotel Oca Porta do Camiño, situado en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE