Rhythm Paradise terá xogo para Wii

xoves, 9 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Minna no Rhythm Tengoku é o nome que recibe no Xapón o xogo Rhythm Paradise, que tanto éxito acadou na Nintendo DS, e que o 21 de xullo chegará á Wii, aínda que polo momento só dentro de territorio nipón.
A nova entrega para Wii conserva o concepto inicial do divertido xogo musical que funciona practicamente con só premer un botón en base a certos ritmos, manténdose tamén as absurdas propostas que chegan en cada unha das fases do xogo no que hai que facer cousas como pinchar feixóns cun garfo, axudar nunha cadea de montaxe de robots, manexar a un samurai que debe derrotar a monstros que chegan das tebras, xogar ao tenis dende unha avioneta ou xogar ao golf nunha illa tropical.
Pese a que non se realizou ningún anuncio ao respecto, é posible que este tan ridículo como divertido xogo chegue a Europa antes de rematar o ano, o que agradecerán os seareiros desta saga que naceu na Game Boy Advance.

O xogo propón retos como xogar ao golf ao ritmo da música


Así é o novo Rhythm Paradise para Wii