Rianxo achega co novo curso máis obradoiros gratuítos para capacitar dixitalmente ás persoas maiores

luns, 2 de setembro do 2024 S. P.

O Goberno local de Rianxo que dirixe Julián Bustelo vai organizar co inicio do curso 2024-2025 un novo ciclo formativo de obradoiros de uso de aplicacións móbiles para persoas maiores de 55 anos. Nestas actividades, que serán gratuítas para a veciñanza e que queren chegar á poboación de todas as parroquias, as persoas participantes aprenderán a navegar con seguridade e confianza por Internet e a empregar o seu teléfono móbil ou tableta para comunicarse por vídeo-conferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, comprar online ou aproveitar o seu tempo de ocio na Rede.
A segunda tenente de alcalde e concelleira de Política Social, Ana Vidal, valorou moi positivamente a pasada edición destes obradoiros no que se cubriron todas as prazas ofertadas en cada unha das parroquias.
Este novo ciclo botará a andar en Rianxo os días 2 e 3 de outubro. As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poden chamar xa ao teléfono 664 185 489.