Rianxo ampliará os servizos dixitais que achega á cidadanía

martes, 6 de febreiro do 2024 S. P.


O Concello de Rianxo, a través do proxecto de transformación tecnolóxica impulsado dende a Deputación da Coruña ao servizo dos municipios da provincia, comezou o ano 2024 afondando no seu proceso dixitalización e modernización administrativa, un proceso co que se busca unha administración máis próxima á cidadanía, máis áxil e máis eficiente.
Como dixemos, os traballos executaranse ao abeiro de Concello Dixital, o proxecto de transformación dixital da Deputación da Coruña para as entidades locais da provincia (destinado a situar os concellos na vangarda da gobernanza local e de comunicación-interacción cos cidadáns).
O plan contempla actuacións en materia de actualización da plataforma de tramitación electrónica TEDeC, así como sesións de formación, e a ampliación dos servizos da sede electrónica de Rianxo, dispoñíbel en sede.concelloderianxo.gal. Os traballos co concello terán unha duración de tres meses, seguidos doutros tres de seguimento e auditoría. O obxectivo final é acadar un concello eficiente e áxil na súa resposta administrativa, ao dispor da veciñanza da vila de Rianxo.
Concello Dixital
Concello Dixital, iniciativa da Deputación da Coruña, é un conxunto de servizos de administración dixital que a entidade provincial pon ao dispor dos concellos e entes locais adheridos ao proxecto.
Neste marco de traballo realízase un proceso evolutivo e continuo de implantación da Administración Electrónica, así como a formación e acompañamento ao empregado público na súa adaptación aos novos procesos. Neste intre suma un total de 80 entidades locais adheridas, cunha “clara ambición e vocación de seguir incorporando entidades da provincia ao proxecto”.

PUBLICIDADE