Rianxo estrea dominio .gal na súa sede electrónica e anuncia renovacións en usabilidade

luns, 9 de xaneiro do 2017 Redacción

O Concello de Rianxo comezou o ano cunha serie de novidades relativas á súa sede electrónica. Segundo fai saber o Goberno local, amais das potencialidades e vantaxes propias desta plataforma (nas súas palabras, “unha prolongación da oficina administrativa tradicional, dispoñíbel para que a cidadanía poida realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano e con todas as garantías de identidade e autenticidade”), a sede en liña estreou dominio galego, .gal. O cambio a sede.concelloderianxo.gal fíxose efectivo aproveitando a renovación dos certificados dixitais da sede electrónica, que até o de agora mantíñase no antigo dominio, sede.concelloderianxo.es.
Amais do devandito, o Concello tamén informou que ao longo dos primeiros meses do ano abordarase por parte da Deputación da Coruña “unha renovación importante da sede dixital para facela máis doada de utilizar e máis compatíbel con diversas plataformas dixitais, como os sistema baseados en Unix (Linux, iOS...), e outros navegadores como Mozilla Firefox ou Google Chrome”. Ademais, desligarase de compoñentes dependentes do navegador web coma os plug-ins de Adobe Reader ou Java.

PUBLICIDADE