Rianxo organiza dous cursos tecnolóxicos de balde para familias, mocidade e persoal educador

luns, 15 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Rianxo vai organizar este Nadal dous cursos formativos de balde para familias, mocidade e persoal educador. Un deles porá o foco en como garantir usos creativos, responsables e seguros dos videoxogos, e o outro fará fincapé en como evitar perigos nas nosas navegacións e acadar unha relación saudable coas novas ferramentas.
O curso O bo uso dos videoxogos desenvolverase os días 22, 23 e 26 de decembro de 10:00 12:30 horas.
O curso Benestar e prevención de riscos dixitais levarase a cabo os días 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro de 10:00 a 12:30 horas.
As persoas que completen as accións formativas recibirán un certificado oficial.
Obxectivos concretos dos cursos
Fomentar un uso responsable e equilibrado dos videoxogos.
Recoñecer sinais de uso excesivo ou problemático e aplicar medidas de prevención.
Coñecer os riscos dixitais máis comúns (ciberacoso, grooming, estafas en liña, exposición a contidos inapropiados, etc.).
Promover hábitos de benestar dixital, tanto no eido familiar como no educativo.
Aprender a configurar os controles parentais, os sistemas de privacidade e pautas de seguimento.