Rianxo organiza en agosto un Campamento Dixital para a rapazada de 9 a 12 anos

xoves, 29 de maio do 2025 S. P.

O Servizo de Xuventude do Concello de Rianxo organiza este verán unha nova edición do seu Campamento Dixital, dirixido a rapazada de 9 a 12 anos e coa finalidade de complementar a oferta local de actividades de conciliación familiar estival. O seu obxectivo é formar a nenos, nenas e adolescentes en competencias dixitais, garantindo así a súa inclusión tecnolóxica e impulsando a mellora dos seus coñecementos e habilitades en materia de seguridade informática e bo uso das redes e dos dispositivos.
Ao mesmo tempo, achéganselles nocións prácticas de utilidade que lles axuden a ter navegación seguras, útiles e proveitosas para a súa formación.
A actividade desenvolverase en dúas quendas, do 4 ao 14 de agosto ou do 18 ao 29 de agosto, en horario de 10.30 a 13.30 horas, no Auditorio de Rianxo.
O prazo de inscricións estará aberto ata o 30 de xuño ou ata esgotar prazas. Quen precise máis datos ou facer inscricións pode visitar a web municipal.
Os detalles da actividade foron dados a coñecer pola concelleira de Xuventude, Ana Vidal. O campamento será gratuíto e terá unha duración de 15 días.