Rianxo xa ten banda larga na totalidade do seu territorio

luns, 3 de marzo do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, reuniuse este luns 3 de marzo co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo. Na xuntanza Blanco destacou a estreita colaboración do Goberno de España e o Concello de Rianxo para "mellorar os servizos públicos municipais", municipio do Barbanza onde leva investidos preto de 2 millóns de euros. Na xeira de traballo tamén participou o concelleiro de Obras, José Alberto Angueira.
Pedro Blanco puxo en valor o “compromiso municipalista” do Goberno de España que se "exemplifica nos proxectos que leva a cabo en Rianxo para avanzar en materia de transición ecolóxica e dixital, así como na promoción turística da vila".
Así, avaliaron o impacto que ten o Plan de Recuperación do Goberno no Concello, que permitiu modernizar e renovar o Pazo de Martelo, sede da Biblioteca Municipal; levar a banda larga á totalidade do concello (Plan ÚNICO) ou realizar campañas de promoción turística.
Nesta liña, o delegado subliñou a importancia de que os fondos do Plan de Recuperación cheguen a todos os concellos, incluíndo os máis pequenos, tanto para rehabilitar o seu patrimonio, como para mellorar servizos avanzados de comunicación ou aproveitar o seu potencial turístico. “Trátase de garantir ás persoas que viven nos concellos costeiros e rurais un futuro no que conten coas mesmas oportunidades para toda a súa veciñanza”, indicou.
Banda larga
Os logros actuais de cobertura de banda larga en Rianxo, presente na totalidade do territorio, teñen boa parte da súa orixe en 2022, coa colaboración establecida entre a Administración local e a operadora neutra Rede Aberta (Vento Rede), adxudicataria dos incentivos do programa ÚNICO-Banda Larga (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) para completar a cobertura en varios municipios da provincia da Coruña. Rede Aberta foi finalmente a encargada de realizar os traballos de subministro de equipamento en Rianxo, levando a súa fibra óptica e a súa Rede ultrarrápida á totalidade dos núcleos de poboación do municipio rianxeiro.