Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo dixitalizan a súa proposta turístico-xacobea

martes, 1 de abril do 2025 S. P.

Na mañá deste 1 de abril celebrouse no Pazo de Martelo de Rianxo o acto de presentación do proxecto Traslatio Experiencial, iniciativa financiada cunha orde de axudas destinada a Destinos Turísticos Intelixentes situados no Camiño de Santiago, no marco dos fondos Next Generation. No acto de presentación fíxose saber que “en todo o territorio nacional só foron concedidas 5 destas axudas”, sendo a Mancomunidade Barbanza Arousa unha das beneficiarias co seu proxecto destinado ao Camiño de Santiago Ruta Mar de Arousa Río Ulla.
Interviñeron nesta presentación o delegado de Goberno, Pedro Blanco; o director de Programas Turísticos da Secretaría de Estado de Turismo, José María Pérez; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro.
Participaron tamén os alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira (José Carlos Vidal, José Ramón Romero e Luís Pérez Barral), concelleiros e concelleiras, representantes de SEGITTUR e empresas e servizos distinguidos co distintivo SICTED.
“Este proxecto”, sinalou Bustelo, presidente da Mancomunidade, “suporá un revulsivo no destino Barbanza Arousa mellorando a experiencia dos peregrinos e visitantes no destino e tamén permitirá a recollida de datos do visitante e segmentar mellor os turistas potenciais”.
Pola súa banda, a xerente da entidade supramunicipal, Fátima Cachafeiro, lembrou que os obxectivos deste proxecto son a “mellora da experiencia do visitante, o impulso da competitividade, a desestacionalización, o apoio ás empresas turísticas e o incremento da calidade”.
Baixo a arela de potenciar a información turística púxose en marcha unha plataforma á que están conectados diferentes elementos coma unha aplicación móbil, tótems informativos e mapas SIX (Sistemas de Información Xeográfica) nas oficinas de turismo como ferramenta de apoio á información turística.
Ademais, co obxectivo de “incrementar a pegada económica do visitante no territorio”, realizáronse rutas dixitalizadas con Realidade Aumentada en recursos históricos e culturais de gran valor pero que “non se poden visitar libremente nun horario amplo, como son as igrexas”. Tamén inclúe a sinalización integral do destino con un cento de paneis informativos con códigos QR que dirixen á mesma plataforma na que os contidos estarán actualizados en tempo real.
A través desta plataforma tamén se recompilarán datos para lograr segmentar os visitantes “dunha maneira máis exacta e poder establecer estratexias dirixidas aos mesmos cunha alta precisión”. Os datos extraeranse de enquisas aos visitantes que fagan uso dos tótems, paneis e outros sistemas informativos e tamén de cámaras con lectores de matrículas instaladas nos 4 concellos, o que “permitirá coñecer a procedencia, a estadía media e os percorridos máis habituais”, explicouse na presentación.
Na cita engadiuse tamén que o proxecto tamén incluíu a implantación do Sistema Integral de Calidade Española en Destino (SICTED), distintivo no que xa hai 75 empresas e servizos turísticos adheridos e tamén a Diagnose de Destino Turístico Intelixente, distinción na que a Mancomunidade Barbanza Arousa é a primeira entidade supramunicipal de Galicia en obtelo.
Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia destacou o papel de Barbanza Arousa na tradición xacobea e reiterou o apoio da Xunta de Galicia aos Camiños de Santiago.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o investimento dos fondos Next Generation na Mancomunidade, con dous proxectos vertebradores como son este, dotado de 1 millón e tamén o Plan de Sustentabilidade Turística cunha inversión de 1,5 millóns. Na mesma liña, José María Pérez, director da División de Programas Turísticos e Asuntos Económicos da Secretaría de Estado de Turismo fixo fincapé na oportunidade transformadora do Plan de Recuperación e Resiliencia nos destinos turísticos.
Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, uniuse á importancia das intervencións no Camiño de Santiago e o seu valor “desestacionalizador do turismo galego”.
Para finalizar o acto convidouse a tódolos participantes a unha degustación de produtos do territorio a cargo do restaurante O Curral do Marqués e do alumnado do Certificado de profesionalidade Operacións Básicas de Cociña do Centro de formación do Concello de Boiro; acompañados cos viños da IXP Terras do Barbanza e Iria da Adega Entre os Ríos. Ámbalas dúas empresas están certificadas no SICTED.