Ribeira actualizará o alumeado portuario con tecnoloxía LED avanzada e software de telecontrol
martes, 27 de setembro do 2022
A
Consellería
do Mar, a través de Portos de Galicia, renovará o alumeado
portuario do municipio de Ribeira con máis de medio cento de
equipamentos, luminarias, proxectores e software de telexestión. Así
llo trasladou na mañá deste luns 26 a titular de Mar, Rosa
Quintana, ao alcalde de Ribeira e ao patrón maior da confraría de
pescadores da localidade, José Antonio Pérez Sieira, nunha visita
ao porto, na que subliñou que “esta actuación mellorará as
condicións de iluminación e eficiencia enerxética, procurando unha
reducida contaminación luminosa”.
A representante do
Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de
Galicia, Susana Lenguas, indicou que “se implantará tecnoloxía
LED con equipamentos de altas prestacións deseñados especialmente
para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en
ambientes mariños e condicións climáticas adversas”. Ademais,
dixo, “incrementarase a protección contra sobretensións e
implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de
iluminación”.
Esta actuación, cun orzamento de 340.000
euros, inclúese nun contrato conxunto de 3,8 millóns de euros que
Portos de Galicia ten en licitación para unha trintena de dársenas
autonómicas co obxectivo de “dotar de sistemas de alumeado
exterior sustentábel o conxunto do sistema portuario autonómico”.
No
porto de Ribeira actuarase sobre 69 luminarias e proxectores para a
súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes,
substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de
sistemas de telexestión. Na mesma comarca, Portos desenvolverá
tamén este proxecto nas dársenas de Aguiño (70.000 euros), A Pobra
do Caramiñal (223.000 euros), Cabo de Cruz (133.000 euros) e Rianxo
(268.000 euros). Deste xeito, esta actuación suporá un investimento
de máis dun millón de euros na zona do Barbanza.