Ribeira adxudica a ITELSIS a implantación dun innovador sistema de cartelería dixital

xoves, 20 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O sistema de cartelería dixital de Ribeira, proxectado para facer avanzar a comunicación coa cidadanía, a participación e Administración Electrónica, recibiu este 20 de febreiro o que sería o seu empurrón definitivo. Así o comunicou o Concello, que adxudicou con carácter definitivo os traballos de materialización do sistema (subministro, instalación, conexión, posta en servizo e máis explotación) á empresa Sistemas Audiovisuales ITELSIS, que competía xunto con outras seis ofertas.
A nova cartelería, cuxo contrato ascende a 102.668,50 euros (IVE incluído), permitiralle ao Concello ofrecer información inmediata e próxima sobre eventos, novidades municipais e datos turísticos. E farao a través de seis paneis de alta resolución, tres interiores (da Casa Consistorial, do Mercado Municipal e do Polideportivo da Fieiteira) e tres exteriores (nas fachadas do Concello e da Sala Museo Municipal e no entorno da Oficinal Municipal de Turismo).
O Concello lembrou que a iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Amais, abéirase á liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira.
Alta resolución e gran formato
Respecto das características dos paneis, trátase de dispositivos de gran formato e alta resolución, intelixentes e conectados online mediante un reprodutor multimedia de contidos, con capacidade para transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, audio, redes sociais, páxinas HTML, etc… Estes dispositivos, explica o Concello, estarán controlados mediante unha plataforma-software de control e xestión na nube (cloud).
Con este sistema, o Goberno local ten o obxectivo de “contar cun soporte para emitir información emanada dos propios cidadáns, como por exemplo eventos de asociacións, etc”.
Para familiarizar aos traballadores municipais cos detalles do sistema, os empregados recibirán a pertinente formación para a xestión deste novo servizo de información cidadá.

PUBLICIDADE