Ribeira convida á mocidade a facer un debuxo diario durante outubro e subilo a Instagram

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

O Concello de Ribeira presentou este mércores 25 de setembro un novo concurso destinado a estimular a creatividade e o talento da xuventude local. Trátase do certame Tintubro, impulsado pola Concellería de Xuventude, que consiste no reto de facer a tinta un debuxo diario durante o mes de outubro. Cada xornada haberá unha palabra sobre a que ten que versar a proposta creativa.
A concelleira Antía Alberte e o técnico de Xuventude Mario Vidal animaron a toda a mocidade a participar e informaron que o reto de deseño está baseado no movemento InkTober, co que que se pode traballar dende a rede social Instagram. “O concurso reivindica os valores da constancia e a perseveranza e non vai adicado a persoas que debuxen ben, simplemente expresar o que a palabra do día pode evocar en debuxo”, engadiu Antía.
A concelleira indicou tamén que “este mércores 25 de setembro pola tarde desvelaremos en Instagram a listaxe das palabras para que as mozas e mozos interesados vaian preparando os materiais”
Para que o debuxo teña validez, tense que etiquetar a Xuventude Ribeira (@xuventude_ribeira) e empregar os cancelos #tintubroderibeira e #xuventuderibeira ademais de abrir ao público en xeral a conta de Instagram durante este período. O sorteo realizarase na semana posterior ao reto e contactarase cos premiados pola dita rede social. Pode participar toda a mocidade de Ribeira que teña entre 14 e 30 anos, con coñecementos ou non sobre o debuxo. O obxectivo “non é a calidade, senón conseguir superar o desafío de facer un debuxo diario durante o mes de outubro”, sinalou a concelleira, engadindo que o sorteo farase entre toda a mocidade que consiga superar o reto.Haberá 3 agasallos de 75 € cada un, en material de debuxo a mercar no comercio local de Ribeira. Amais, farase unha exposición na Casa da Xuventude cunha escolma dos debuxos da mocidade participante.
InkTober
En 2009 o artista e debuxante Jake Parker creou este desafío que en pouco tempo pasou a facerse viral. Baixo o cancelo #Inktober (ink de tinta en inglés) Jake Parker quixo converter o mes de outubro no mes da tinta e o debuxo. Co tempo, transformouse nun pretexto debuxar e deixou de ser requirido o traballo con tintas. A día de hoxe o reto emprégase como un xeito de impulsar as habilidades de cada quen.