Ribeira forma á mocidade en animación en 3D

xoves, 12 de abril do 2018 Redacción

O Concello de Ribeira, a Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación INCYDE van por en marcha en Ribeira un programa formativo dirixido a mozos e mozas interesados en adquirir novos coñecementos enfocados á animación 2D e 3D. Esta iniciativa, moi axeitada para optimizar, completar e actualizar a capacitación e os coñecementos de participantes de cara ao mercado laboral, desenvólvese baixo un epígrafe que fala por si só dos obxectivos do obradoiro: Constrúe o teu futuro: animación2D 3D e emprendemento. A actividade é de balde e está dirixida a persoas menores de 30 anos inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil.
Desenvolverase en Ribeira entre o 23 de abril e o 1 de xuño de 2018 e comporase de sesións grupais, titorías individuais e tarefas de asesoramento e seguimento. O horario das xeiras en grupo é a seguinte: de luns e xoves, de 10:00 a 12:00 horas, agás o 17 de maio, en que a sesión do xoves pasará ao mércores. Ademais, do 21 ao 25 de maio, o horario será luns e xoves, de 10 a 14 horas. As actividades realizaranse no Viveiro de Empresas do Concello de Ribeira.
As titorías individuais levaranse a cabo no horario que acorde o alumnado co seu consultor. Serán, tamén, no Viveiro de Empresas local (horario de mañá) ou nas Aulas de Formación da rúa Cristóbal Colón (horario de tarde). As persoas interesadas e que cumpran os requisitos (menores de 30 inscritos/as en Garantía Xuvenil) poden inscribirse na web da Cámara de Comercio de Santiago.

PUBLICIDADE