Ribeira recibe 185.883 de fondos europeos para proseguir impulsando a súa transformación dixital

venres, 2 de xuño do 2023 S. P.

O Ministerio de Política Territorial vén de confirmar ao Concello de Ribeira o outorgamento de 185.883,06 euros de fondos europeos Next Generation dirixidos a “seguir impulsando a transformación dixital e a modernización do Concello de Ribeira”.
Máis polo miúdo, estas axudas adscríbense ao denominado Compoñente 11 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que permite “a modernización das comunidades autónomas e entidades locais de forma coherente e coordinada cos investimentos realizados a nivel transversal pola Administración Xeral do Estado, de acordo cos criterios de consistencia e impacto esperados pola Comisión Europea”.
Así, 40.000 euros irán destinado á integración dos expedientes abertos coa Carpeta Cidadá do Estado, o que, segundo recordan fontes do Concello, “favorece e facilita un único punto de acceso aos servizos dixitais das administracións locais facendo que sexan máis eficientes, inclusivos e de calidade para cidadáns e empresas, en liña tamén cos obxectivos previstos na Estratexia Dixital 2025”.

JPEG - 217 KB
Praza do Concello de Ribeira

Por outra banda, 145.883,06 investirase no desenvolvemento dunha nova infraestrutura de rede, o que propiciará unha maior aforro de custes para as arcas municipais. Neste senso abordaranse dúas actuacións principais:
-Renovación da rede de switching municipal, actualmente composta por electrónica de rede facilitada polo operador de telecomunicacións, Telefónica, en modo de alugueiro e por switches propios, cunha media de máis de 8 anos de antigüidade. “Por este motivo é necesario adquirir novo equipamento propio de nova xeración e adaptado ás necesidades actuais e futuras do concello”, sinalaron fontes do Goberno local.
- Despregadura de rede de fibra entre as principais sedes municipais. Na actualidade a maioría dos centros conéctanse á rede corporativa vía VPN a través dunha conexión ADSL. Realizarase unha tirada de fibra desde a sede (Concello), que disporá de acceso a Internet de 1Gbps simétrico, ao resto de sedes, de maneira gradual para conseguir a homoxeneización no servizo. Nesta primeira fase subvencionada, a tirada de fibra levarase ata o Conservatorio, a Policía, a Casa da Xuventude e o novo Auditorio.
A obtención desta subvención europea é posíbel grazas a que ao Concello de Ribeira xa desenvolveu ao longo deste mandato unha Estratexia Dixital, a cal se apoiaba no vector Ribeira +Intelixente da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, para o deseño dun marco operativo de actuación que guiou a posta en marcha de actuacións que avanzan na transformación dixital do Concello nos próximos anos, como así tamén se recolle no Plan de Acción Local da Axenda Urbana de Ribeira Atlántica, considerando como proxecto tractor ou estratéxico o desenvolvemento dixital da Administración e por iso facilitar os trámites aos cidadáns.

PUBLICIDADE