Ribeira recibe unha axuda do Goberno para avanzar na transformación tecnolóxica do seu comercio
venres, 22 de xaneiro do 2021
- Presentación no Auditorio de Ribeira da ferramenta Tokapp
O
Ministerio de Industria e a Cámara de Comercio de España veñen de
confirmar ao Concello de Ribeira a vindeira concesión dunha axuda
destinada á modernización comercial do tecido produtivo local, logo
da consideración como “proxecto singular” da iniciativa Ribeira,
un mar de comercio, elaborada pola Concellería de Innovación
Tecnolóxica en colaboración coa Concellería de Turismo e Comercio.
Este proxecto vén con dúas liñas estratéxicas: unha enfocada na
comercialización e mellora da competitividade e a outra na promoción
e difusión do consumo local. O Concello recibirá un total de 54.360
euros.
A
primeira das liñas incluirá entre outros conceptos a posta en
marcha dunha imaxe corporativa para os negocios adheridos á
plataforma de comercio electrónico Ribeira Store, materializada
a finais de agosto no marco do Plan Reactiva Ribeira co fin de
axudar a “sobrelevar os efectos da pandemia entre o tecido
económico do municipio”. Tamén está previsto proporcionar
formación aos comerciantes adheridos.
Tokapp
A
segunda liña prevé o desenvolvemento dun sistema de mensaxería
baseado en Tokapp, unha aplicación móbil que está emprazada xa en
máis de 4.000 institucións con máis de 3 millóns de usuarios, e
que permitirá ao Concello emitir mensaxes de interese público para
todo o comercio e manter informado ao sector de todas as
actualizacións e informacións relevantes.
Así
mesmo, posibilitará o lanzamento dunha campaña de dinamización e
promoción que integre a posta en valor do comercio local cos
recursos turísticos da marca Ribeira e, por outra parte, un plan de
mercadotecnia dixital (xa en marcha) orientado a mellorar a
visualización de Ribeira Store no ecosistema dixital.
Para
facer efectivo o outorgamento desta axuda, o Concello procederá nos
próximos días a subscribir co Ministerio e a Cámara de Comercio un
convenio de participación da actuación de modernización comercial
no comercio ao por menor.
A
concesión desta axuda foi outorgada logo de participar o Concello de
Ribeira dunha convocatoria pública destinada a co-financiar a
realización de proxectos singulares orientados á modernización
comercial conforme ao anuncio publicado no BOE o pasado 3 de setembro
de 2020.