Ricardo Ribeiro (SAP) mostrou no Polígono do Tambre as vantaxes da IA na xestión empresarial
xoves, 24 de abril do 2025
O Centro Empresarial do Tambre celebrou este xoves 24 de abril a xornada Transforma o teu negocio coa IA e SAP Business One que contou coa participación de empresarios galegos, unha sesión organizada pola Asociación Área Empresarial do Tambre en colaboración coa consultora tecnolóxica Inforges. O evento puxo o foco en como as pemes poden aproveitar a Intelixencia Artificial para transformar os seus procesos de xestión, mellorar a súa competitividade e optimizar a toma de decisións.
O relatorio principal correu a cargo de Ricardo Ribeiro, xerente de Canles de SAP Business One en España, quen debullou as principais funcionalidades desta solución ERP integradas con ferramentas de IA. Ao longo da súa intervención, Ribeiro presentou diversos casos de uso prácticos e afirmou: “A IA xa non é unha promesa de futuro, é unha realidade que está a mudar a forma de operar das empresas. Ferramentas como SAP Business One permiten integrar IA en procesos clave como compras, inventario, vendas ou análises financeiras, facilitando decisións máis áxiles e baseadas en datos”. Tamén destacou que a tecnoloxía “debe democratizarse para que as pequenas e medianas empresas poidan competir en igualdade de condicións”.
Desde a Asociación Área Empresarial do Tambre, o seu vicepresidente Manuel Nieto subliñou a importancia destas iniciativas: “O tecido empresarial galego necesita referentes tecnolóxicos próximos e prácticas aplicábeis. Por iso apostamos por encontros como este, que traen a expertos de primeiro nivel e permiten ás nosas empresas avanzar con confianza na súa transformación dixital”.
O director de SAP de Inforges, Juan Sánchez, destacou que “a tecnoloxía debe ser un medio ao servizo da estratexia da empresa. A nosa experiencia demóstranos que cando unha peme conta cun socio que entende tanto os seus procesos como a súa visión de futuro, a transformación dixital deixa de ser un reto e convértese nunha vantaxe competitiva. SAP Business One, combinado con capacidades de Intelixencia Artificial, ofrece unha panca real para a toma de decisións intelixentes e a mellora continua”. Ademais, remarcou o compromiso de Inforges con “acompañar ás empresas de xeito próximo e con solucións adaptadas á súa realidade, non só tecnolóxicas, sino tamén humanas e organizativas”.
A xornada concluíu cunha rolda de preguntas na que os asistentes puideron resolver dúbidas específicas sobre a implantación de solucións ERP e o uso práctico da IA nas súas contornas empresariais. O evento foi valorado moi positivamente polos participantes, que destacaron a utilidade dos casos reais e a claridade nas explicacións técnicas.
Esta cita forma parte do ciclo de xornadas que Inforges está levando a cabo por distintas cidades do país co obxecto de achegar as últimas tendencias tecnolóxicas á contorna empresarial autonómica.