Ridge Racer terá unha entrega Free-to-Play a finais de ano

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Os xogos da saga Ridge Racer son todo un sinal de identidade da marca PlayStation, pese a nacer en máquinas recreativas, pois foi na primeira PlayStation en 1994 e 1995 onde estes xogos de condución comezaron a causar furor, e Namco Bandai quere manter a forza desta franquía, polo que optan por unha das fórmulas de moda na actualidade, o Free-to-Play, que será o modelo de negocio que seguirá a finais de ano Ridge Racer Driftopia.
Este novo xogo estará dispoñible para PlayStation 3 e PC, e polo momento pouco se sabe do mesmo máis aló dun trailer que presentaron hoxe e no que destacan como principal virtude a posibilidade de xogar de balde, como tamén fixo hai pouco en dispositivos móbiles, e con grande éxito, Real Racing 3.
O vicepresidente de Namco Bandai Games Europa, Olivier Comte, asegurou que “en Namco Bandai Games o noso compromiso é o de profundar e novos modelos de negocio aparte da tenda tradicional, que segue a ser de vital importancia para nós. Os xogos de Free-to-Play son cada vez máis importantes, así que para nós é unha verdadeira honra poder adaptar unha das nosas franquías de máis éxito a este mercado para que todo o mundo poida gozar dela”.


Primeiro trailer de Ridge Racer Driftopia

PUBLICIDADE