Roberto Barba destaca a lei galega como ferramenta contra o ciberacoso
luns, 22 de xuño do 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, inaugurou esta mañá unhas xornadas de formación sobre violencia dixital organizadas polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Durante a súa intervención, destacou a futura Lei galega de violencia e acoso dixital como unha ferramenta destinada a garantir a protección fronte ao ciberacoso e á difusión non consentida de contido sexual, ademais de favorecer a recuperación das vítimas destas situacións.
A norma, cuxa aprobación está prevista antes de que remate este ano, será pioneira en Europa e responde ao compromiso da Xunta de afrontar os novos retos na loita contra a violencia de xénero derivados da expansión do uso de internet e das redes sociais.
No marco desta lei, Roberto Barba lembrou que Galicia é a primeira comunidade autónoma de España en ofrecer formación específica en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Ademais, estas dispoñen dun servizo gratuíto de asesoramento e dun espazo virtual de información. O texto legal tamén contempla medidas como o borrado da pegada dixital e a posta en marcha de programas de intervención psicopedagóxica para abordar condutas aditivas na rede.
Segundo concluíu o director xeral, a celebración en Galicia destas xornadas promovidas polo Consello Xeral do Poder Xudicial constitúe unha mostra de que a comunidade se sitúa na vangarda da loita contra a violencia dixital.
