Roberto Verino mostra como integrar os vieiros tradicionais da moda coas ferramentas dixitais e 3D

mércores, 20 de xaneiro do 2021 S. P.

O deseñador galego Roberto Verino e os responsábeis da escola de moda La Tecnocreativa, con sede en Madrid, están a compartir un vídeo documental sobre como integrar as novas ferramentas tecnolóxicas de traballo na nosa tradición téxtil. En concreto, o obxectivo do audiovisual é “pór en valor oficios da moda, o saber e a experiencia, pero coas vantaxes e coñecementos da tecnoloxía do século XXI”. No vídeo ponse o foco en como aplicar ese coñecemento de xeracións entre os novos talentos, poñendo o foco en ámbitos como a patronaxe e a súa conversión cara ao dixital e as contornas en 3D.
En concreto, o empeño do deseñador galego é reivindicar os oficios da moda no novo contexto e para plasmalos recreouse un obradoiro de patronaxe que reúne talentos tradicionais do seu equipo e talentos dixitais formados na Tecnocreativa. O cometido consiste en dixitalizar a colección de roupa en 3D e crear un espazo de intercambio e aprendizaxe entre as dúas disciplinas dun mesmo oficio.
Roberto Verino foi a primeira marca en combinar patronaxe manual co 2D en España nos anos 80 e é un gran defensor de preservar os oficios da moda en España como un selo de identidade e diferenciación. Roberto defende “un sector que se actualiza de continuo partindo da aprendizaxe artesá para seguir achegando valor no século XXI e permitir o avance da industria en novas formas hibridas de traballo e produción da man da tecnoloxía”.

PUBLICIDADE