Roblox chegará á realidade virtual

mércores, 12 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O xogo Roblox converteuse en todo un fenómeno entre a cativada até o punto de superar os 66 millóns de usuarios activos ao día, e tras chegar a ordenadores, consolas e dispositivos móbiles anuncian que nas vindeiras semanas ofrecerá a súa beta aberta para Meta Quest 2 e Meta Quest Pro.
Con esta beta aberta buscan que a comunidade de desenvolvedores de Roblox poidan optimizar os seus xogos actuais para Quest, así como construír novas creacións para a realidade virtual anticipándose á chegada oficial de Roblox na Meta Quest Store.
Actualmente hai máis de 15 millóns de experiencias activas para Roblox, o que suporá unha grande oportunidade para o lecer para a comunidade de Meta Quest, publicándose moitas delas de xeito automático para o seu uso en realidade virtual por terse comprobado que podían funcionar ben en VR sen modificacións.
O que queda claro é que Roblox vai camiño de ser un grande éxito na realidade virtual, e poderá contar con moitos contidos dende o seu día de lanzamento para Meta Quest.

PUBLICIDADE