Rock Band 4 busca financiamento para dar o salto ao PC

martes, 1 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O pasado outono saíu á venda o xogo musical Rock Band 4 para Xbox One e PlayStation 4, pero o que prometía ser unha firme recuperación dunha franquía recoñecida, pese a manterse fiel ás anteriores entregas, non conseguiu captar tanto interese como era desexable por Harmonix, de aí que a compañía estea a buscar ampliar o seu público indo máis aló das consolas de videoxogos, e iniciando unha campaña de micromecenado en Fig para buscar financiamento para unha versión para PC de Rock Band 4.
Os incondicionais da franquía que queiran contribuír a facer posible un Rock Band 4 para PC poden realizar diferentes contribucións que a partires de 49 dólares (45 euros) incluirían unha copia do xogo con 30 cancións adicionais ás 65 que incluiría o xogo de serie, prevéndose o seu lanzamento no último trimestre do presente ano, o que dá a impresión de que o xogo podería completarse a grande velocidade, de xeito que o seu desenvolvemento limitaríase a adaptar os sistemas de control e incorporar algunha funcionalidade adicional, como a atractiva posibilidade de permitir contido xerado polo usuario, xa que resucitarían a Rock Band Network, que permitía coller as nosas propias cancións, incorporarse información MIDI e así xerar un ficheiro musical interpretable polo xogo (e que na nova versión poderán compartirse coa comunidade).
Para facilitar a conversión do xogo de consola a ordenadores persoais Harmonix uniu forzas con Sumo Digital, de xeito que o estudio externo responsabilizaríase do proceso de adaptación do xogo mentres o persoal de Harmonix continúa a traballar en novos contidos e características que chegarían ás versións de consola e PC de Rock Band 4.
Dado que Harmonix é un estudio independente, optaron polo micromecenado como fonte de financiamento deste proxecto con certo risco (tras ver a sorte que seguiu este xénero hai anos) e que persegue xuntar 1,5 millóns de dólares para completar a conversión que como principal atractivo ten a mencionada incorporación de contido creado polo usuario a través de ferramentas que serán de balde e publicaranse a través de Steam Workshop.

Vídeo de presentación da campaña de micromecenado de Rock Band 4 para PC

PUBLICIDADE