Rocksmith 2014 volverá a ensinar a tocar coa guitarra eléctrica numerosos éxitos musicais

venres, 6 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Cando chegou ao mercado Rocksmith, unha especie de xogo que seguía a senda de Guitar Hero e Rock Band, pero empregando guitarras de verdade conectadas ao ordenador ou á consola, era difícil adiviñar o grande impacto que tería, converténdose en todo un método para aprender a tocar a guitarra eléctrica e incluso impulsando a venda destes instrumentos (especialmente nos EE.UU.), polo que agora non debería sorprendernos que Ubisoft prepare unha nova entrega, Rocksmith 2014, que ten previsto o seu lanzamento para o mes que vén, e que pretende ser unha importante mellora do título orixinal.
Rocksmith 2014 será máis grande, maior e máis rápido que nunca, cunha nova aparencia, ferramentas de práctica máis flexibles e profundas, novas técnicas e afinados, máis de 50 novas cancións de éxito e moito máis, do que podemos ver unha mostra no vídeo que veñen de facer público dende Ubisoft San Francisco, para que coñezamos o que permitirá este produto para Xbox 360, PlayStation 3 e PC:

PUBLICIDADE