Rocksmith+ chega a móbiles o día 9

martes, 6 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Tras a febre dos xogos musicais como Guitar Hero, en 2011 saíu Rocksmith, aplicación inspirada nos títulos de ritmo, pero cunha orientación máis didáctica, que contaba con versión para PS3, Xbox 360 e PC, e que destacaba por funcionar cunha guitarra eléctrica ou acústica real conectada ao noso equipo cun adaptador (á venda por uns 30 euros), de xeito que permitía aprender a tocar unha chea de cancións a guitarra dun xeito divertido.
Ubisoft transformou este xogo nun servizo de subscrición en 2021, que o vindeiro venres vai saltar do PC a móbiles, con aplicacións para Android e para iOS, facendo así doado e divertido aprender a tocar a guitarra en calquera lugar. Rocksmith+ ofrece un catálogo de máis de 6.000 cancións que podemos tocar con guitarra eléctrica, guitarra acústica e baixo, para o que hai que subscribirse ao servizo a un prezo de 14,99 euros/mes, 39,99 euros/trimestre ou 99,99 euros/ano.
Aparte de facilitar a aprendizaxe da guitarra (aseguran que máis de 5 millóns de xogadores aprenderon a tocar con Rocksmith) esta plataforma tamén inclúe un conxunto de ferramentas para practicar e clases de guitarra en liña, podendo resultar de utilidade tanto para aprender como para descubrir cancións ou simplemente manter a destreza coas cordas da guitarra dun xeito interactivo.

Vídeo promocional da versión para móbiles de Rocksmith+

PUBLICIDADE