Rogue Trooper terá película feita con Unreal Engine

venres, 2 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Dende a editora británica 2000 AD están a dar conta de que a súa clásica banda deseñada Rogue Trooper vai converterse en película da man de Rebellion e Liberty Films. O filme, que estará escrito e dirixido por Duncan Jones (Moon, Código Fuente, Warcraft) e non será de acción real, sorprenden o feito de que a súa animación crearase a través de Unreal Engine 5, motor gráfico empregado habitualmente para a creación de videoxogos, aínda que nos últimos tempos tamén gañou moito peso na xeración de escenarios virtuais en tempo real.
A imaxinaría e animación da nova película recae en Treehouse Digital, compañía dende a que recoñecen que «os avances en Unreal Engine 5 e a inclusión de MetaHuman fai posible conseguir animacións cun nivel moi avanzada mantendo un orzamento de produción independente».
Estamos ante o que posiblemente sexa a primeira de moitas producións que optarán polo uso dun motor gráfico moi coñecido e explorado para a creación de películas e series de animación sen ter que contar con grandes medios.
Rogue Trooper xa contara con varias incursións no mundo dos videoxogos, polo que a estética do futuro filme probablemente resultará bastante familiar. A aposta por Unreal Engine tamén semella que acelerará considerablemente a produción, pois a previsión de estrea da película é para o ano 2025, o que supón uns tempos moi reducidos para que vexamos como cobra vida a infantería xenética nas súas batallas na Terra-Nu.