Roh Tae-moon será o vindeiro responsable da división de móbiles de Samsung

luns, 20 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Roh Tae-moon nunha fotografía de 2016

En Corea Samsung está a reestruturar os seus cadros directivos, sendo especialmente salientable o feito de que tras a presentación dos vindeiros móbiles insignia da compañía en menos dun mes DJ Koh pasará o relevo da dirección da división móbil a Roh Tae-moon, quen xa foi unha preza chave no desenvolvemento da familia Galaxy. Con este cambio confían en que a división de móbiles de Samsung poida revitalizarse cunha nova estratexia deste directivo de 52 anos de idade que terá que enfrontarse a un mercado cunha competencia cada vez máis dura (especialmente pola forza que nos últimos anos colleron os fabricantes chineses).
Entre os obxectivos de Roh Tae-moon estarán o mellorar a posición de Samsung na China e na India, así como conseguir que os dispositivos con pantallas encartables poidan conseguirse en produtos habituais no mercado de consumo.
Samsung continúa a ser o principal fabricante de smartphones a nivel mundial, pero compañías chinesas como Huawei, Vivo (que este ano chegará a Europa oficialmente), Oppo (tamén con Realme) e Xiaomi están a medrar moi rápido, tanto en mercados asiáticos como europeos, polo que o fabricante surcoreano precisa innovar e ter uns prezos máis axustados para non perder terreo.

PUBLICIDADE